Quantcast
Channel: Luís Valle – Criticalia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 6

A tesitura Valle

$
0
0

Chega ás miñas mans Fedor, o último poemario do lucense Luís Valle, recente Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.

Lendo nos seus versos sorpréndeme experimentar a miraxe diazcastriana. Nestes anos, ben poucos coma el souberon zugar da dialoxística luz / sombras que esencializou entre nós a poética do de Guitiriz.

En Valle hai, amais, un aceno transcendente, religacional e cósmico que tamén o emparenta co autor de Nimbos. Mais, como non podía ser doutro xeito, o medio século que entre eles dista engadiu unha metafórica moito máis neosurreal ao segundo, instalado no poema en prosa do que o primeiro non gustou.

Metapoético cando acae, lenemente amoroso noutras ocasións, o Valle de Fedor é un sismógrafo de epifanías cotiás, de singulares revelacións do anódino diario no que vai ancorando ese implacable pasar do Tempo coa perspectiva da divindade como punto de fuga referente do humano e a súa circunstancia.

Luís Valle, o poeta que, segundo propia confesión, escribe porque ten “un sapo seco/ por corazón, e unha flor morada/ cravada no ollo”, confirma en Fedor a singularidade dunha voz que espertara no celebrado A caída (Premio Caixanova 2009) e que alcanza aquí admirable tesitura.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 6